Non é a primeira vez
Cando as inquilinas e as traballadoras uniron as súas forzas
A historia ensínanos que os dereitos non se regalan: conquístanse organizándonos e exercendo a nosa forza colectiva. Estas son algunhas folgas que demostraron que, cando paramos xuntas, podemos cambiar as cousas.

Inquilinas e traballadoras
Cando as folgas de alugueiros fixeron parar as fábricas
A finais de agosto, preto de 2.000 edificios de diferentes cidades arxentinas declaráronse en folga de alugueiros reclamando unha baixada dos prezos e mellores condicións sanitarias. Milleiros de mulleres marcharon axitando as súas vasoiras polas rúas das cidades nunha folga que durou tres meses e acabou confluíndo nunha folga xeral cos sindicatos laborais, que reclamaba subas salariais, a xornada de 8 horas, o fin da especulación inmobiliaria e baixadas dos alugueiros. Entre as anarcosindicalistas destacadas estaban Virginia Bolten, Juana Rouco ou María Collazo. O recente libro «Indócil», de Laura Ortiz Gómez, rememora desde a ficción esta primeira gran folga inquilina na Arxentina.
En Glasgow, uns 20.000 fogares participaron nunha folga de alugueiros. Cando 18 inquilinos foron levados ante os tribunais por negarse a pagar as subas, Mary Barbour e outras dirixentes encabezaron unha gran mobilización, á que se sumaron 15.000 traballadores dos estaleiros e da industria, que ameazaban con estender as paralizacións. A unión entre inquilinas e traballadores puxo contra as cordas os caseiros e contribuíu a conquistar as primeiras leis de regulación dos alugueiros.
A primeira folga de alugueiros documentada en Andalucía foi organizada pola Liga de Inquilinos, cun peso importante de militantes anarquistas. A folga comezou en febreiro: aproveitando o entroido, realizouse un cortexo fúnebre multitudinario que simbolizaba o enterro dos caseiros. A folga reclamaba a redución do 50% do prezo dos alugueiros, a supresión do subarrendamento especulativo e melloras nas condicións de salubridade das vivendas, moitas delas en antigas corralas ou patios de veciñanza, onde se amoreaba a clase traballadora sevillana. As inquilinas organizaron un bo número de accións directas e conseguiron reducións da renda e a eliminación dos intermediarios que moitos propietarios usaban para cobrar o alugueiro e que adoitaban subir o prezo ao seu antollo. Porén, non todos os propietarios cederon e, tras máis dun mes de folga, o gobernador civil suspendeu as garantías constitucionais e mandou o exército reprimir os folguistas, detendo a moitos e desterrando da cidade os líderes anarcosindicalistas.
Ante as subas impagables dos prezos do alugueiro, preto de 100.000 familias obreiras deixaron de pagar o alugueiro durante oito meses, organizadas desde o Sindicato da Construción da CNT e reclamando unha baixada do 40% do prezo. Fronte á represión policial, o movemento obreiro respondeu cunha folga xeral de dous días. O conflito dos alugueiros converteuse nunha loita máis ampla polo custo da vida: desemprego, transporte público, falta de servizos, etc. As inquilinas demostraron que, co apoio dos traballadores, a loita pola vivenda podía paralizar toda unha cidade. E tivo os seus efectos: o mesmo mes en que remataba a folga de alugueiros, o Goberno estatal promulgaba unha prórroga obrigatoria dos alugueiros e establecía un teito aos prezos tomando como referencia os de 1914. Estas mobilizacións, lideradas sobre todo por mulleres, estableceron unha axenda de demandas que, ao estoupar a Revolución catalá no verán de 1936, levarían a unha baixada do 50% dos alugueiros e á municipalización de toda a vivenda de alugueiro ou baleira en decenas de localidades catalás.
Dez millóns de traballadores secundaron unha folga xeral polo dereito á vivenda e contra o encarecemento da vida. A mobilización conseguiu a conxelación dos alugueiros máis baixos e un plan para construír 214.000 vivendas. Foi o comezo dunha nova vaga de loitas inquilinas que arrincaría máis dereitos durante a década seguinte.
O 3 de setembro varias cidades da rexión do Vaal declaráronse en folga contra as subas dos alugueiros. As protestas estendéronse a outras rexións e a comezos de novembro máis dun millón de traballadores e estudantes non acudiron aos seus postos de traballo ou de estudo. As protestas contra a especulación inmobiliaria foron o catalizador dunha vaga de mobilizacións na que confluíron inquilinas, traballadoras e estudantes, no que foi o maior desafío ata entón ao sistema colonial e racista do Apartheid.
Folgas no Estado español que cambiaron as cousas
| 1855 | A primeira folga xeral |
Decenas de milleiros de traballadores paralizaron as fábricas de Barcelona e doutras cidades catalás ao berro de «Asociación ou morte! Pan e traballo!». Fronte á prohibición das organizacións obreiras, esixiron o dereito a organizarse, limitar a xornada laboral e poñer freo aos abusos patronais. Aínda que a folga rematou baixo unha dura represión, marcou un fito histórico: a clase traballadora demostraba por primeira vez a súa capacidade para organizar unha folga xeral. |
| 1917 | Folga xeral revolucionaria |
Ante a suba descontrolada dos prezos e a crecente crise política, os principais sindicatos obreiros, UGT e CNT, uniron forzas para convocar unha folga xeral revolucionaria en agosto que se prolongou durante cinco días (algúns máis nas concas mineiras asturianas) ata ser duramente reprimida polo Goberno. Xunto ao desafío lanzado polas Xuntas de Defensa militares e a Asemblea de Parlamentarios, esta mobilización fixo abanear os alicerces do réxime da Restauración e agravou a súa crise política. A folga xeral foi unha primeira proba de acción independente da clase traballadora. Foi derrotada, pero xerou a conciencia de que habería que volver intentalo. |
| 1919 | La Canadiense |
Na principal compañía eléctrica catalá despediron oito traballadores por formaren parte do sindicato CNT, e iso desatou unha folga que comezou o 5 de febreiro e acabou paralizando máis do 70% da industria catalá durante 44 días. Barcelona paralizouse e quedou ás escuras: a iluminación pública e os tranvías deixaron de funcionar durante días. A forza da solidariedade obreira obrigou a patronal e o Goberno a ceder. As folguistas conseguiron a readmisión dos despedidos, a amnistía total para os represaliados, o pagamento dos salarios perdidos pola folga, aumentos xerais de salarios e a maior das conquistas, unha que hoxe damos por feita: a xornada laboral de oito horas. Aquela vitoria converteunos nun dos primeiros países europeos en establecer este límite á explotación, aínda que a súa aplicación completa se atrasou ata a Segunda República por culpa das resistencias empresariais. |
| 1951 | A folga de tranvías de Barcelona |
Todo comezou cun boicot popular contra unha suba do prezo do tranvía de Barcelona moi por riba dos prezos que rexían noutras cidades. Imprimíronse milleiros e milleiros de panfletos que circularon por toda a cidade e que pedían á cidadanía que non utilizase o servizo ata que baixasen os prezos. Os vagóns circularon baleiros e as rúas enchéronse de grandes concentracións de persoas que ían a pé ao traballo. Foi un éxito total: só un 3% das persoas usuarias habituais chegou a utilizar os tranvías eses días e o goberno viuse obrigado a restablecer as tarifas anteriores. Tras quince anos de condicións de vida miserables provocadas polo golpe de Estado, a guerra civil e a desastrosa política de autarquía económica do primeiro franquismo, a protesta dos tranvías converteuse no punto de fuga do malestar social (en 1951 o PIB español aínda non igualara o de 1935). Envalentonada polo éxito, ao cabo de doce días o boicot estendeuse ata converterse nunha folga xeral contra o encarecemento da vida na que participaron 300.000 persoas e que se estendeu a outras cidades industriais dos arredores. A prensa internacional cubriu os acontecementos durante semanas. En plena ditadura franquista, cunha restrición total de liberdades e unha represión descomunal, a mobilización cidadá conseguiu botar atrás a suba de tarifas e plantarlle cara ao réxime cunha folga xeral, e conseguiu que o réxime cesase o alcalde, o xefe de policía, o delegado provincial do sindicato vertical e o gobernador civil. |
| 1962 | La Huelgona |
Unha sanción imposta a sete mineiros de Mieres a comezos de abril foi a faísca que prendeu a mecha. As mulleres dos mineiros percorreron os vales espallando millo na entrada das fábricas e das minas, e os traballadores non acudiron aos seus postos de traballo. As mostras de solidariedade foron estendéndose e axiña a folga xeneralizouse en toda Asturias. A finais de mes a protesta foise contaxiando por todo o Estado. En maio de 1962 máis de 300.000 traballadores foron á folga no Estado español no que foi a maior mobilización obreira desde a Guerra Civil, que duraría preto dun mes. A ditadura viuse forzada a decretar o estado de excepción en Asturias, Biscaia e Guipúscoa, pero viuse totalmente desbordada. O movemento estudantil mobilizouse e solidarizouse coas folgas, igual que o fixeron multitude de artistas e intelectuais, e unha manifestación de mulleres asolagou as rúas de Madrid. Picasso pintou o cadro «Asturias 1963» co lema «Hai unha luz en Asturias que alumea España enteira». As vitorias foron moitas. Rompéronse os teitos salariais fixados polo Goberno en 1959 co novo Plan de Estabilización. Os mineiros asturianos, que aguantaron dous meses en folga, conseguiron a readmisión dos despedidos, a posta en liberdade das persoas detidas e subas salariais substanciais (e un ano despois protagonizarían outra folga xeral de catro meses xunto aos mineiros leoneses). A maior das conquistas foi o poder de negociación que gañou un novo movemento obreiro, o das Comisiones Obreras, que se infiltraron no aparello sindical da ditadura e xogarían un papel esencial na súa derrota. |
| 1976 | As folgas polas liberdades democráticas |
En 1976 Franco morrera, pero a continuidade do réxime franquista aínda estaba en discusión. Cando as folgas aínda eran ilegais, un ciclo xigantesco de folgas que atravesou todo o país deulle xaque mate ao fascismo. Combináronse paros por sectores con folgas xerais por localidades (moitas eran «folgas de solidariedade») que acabaron por confluír nunha folga xeral estatal o 12 de novembro. As liberdades democráticas conquistáronse loitando: en 1976 España era o país con máis horas perdidas por folga de todos os países da OCDE. En Sabadell, por exemplo, a represión policial contra docentes, estudantes e familias desencadeou unha folga xeral que uniu traballadores das fábricas, da construción e dos servizos co movemento veciñal. Durante catro días, a cidade quedou paralizada e máis de 30.000 persoas participaron nunha multitudinaria asemblea. A forza da mobilización conseguiu a liberación dos detidos e precipitou a saída do alcalde franquista. |
| 1988 | Folga xeral do 14-D |
Millóns de traballadores paralizaron o país contra o Plan de Emprego Xuvenil do Goberno de Felipe González, que pretendía abaratar os custos laborais ás empresas. Tivo o maior seguimento da historia de todo o Estado español (un 94,86% da poboación activa fixo folga). Ata a televisión e as radios públicas deixaron de emitir e os principais xornais non se publicaron ese día. A forza da folga obrigou o Goberno a retirar o plan e abriu paso a novas conquistas sociais: o Goberno viuse obrigado a subir o gasto executado un 42% en pensións, un 67% en prestacións por desemprego e un 15% en financiamento da sanidade pública. Visto no seu conxunto, o gasto social disparouse do 18,7% do PIB en 1982 ao 23,7% en 1993. Esta folga deu un impulso fundamental á consolidación do Estado do benestar español que, aínda que chegou tarde e infradotado se se compara con outros países europeos, segue a ser un piar esencial da nosa sociedade, unha conquista das súas clases populares. |
| 2002 | Folga contra o «decretazo» |
O Goberno de Aznar quixo recortar os dereitos das persoas desempregadas. A resposta foi unha folga xeral que paralizou sectores enteiros da economía. A presión sindical conseguiu que o Goberno rectificase boa parte da reforma. |
| 2010 e 2012 | Contra as reformas laborais |
Millóns de persoas volveron á folga contra os recortes, o abaratamento do despedimento e as políticas de austeridade. Aínda que non conseguiron frear as reformas, as mobilizacións mantiveron viva a resistencia obreira fronte a quen pretendía facernos pagar a crise. |
| 2018 e 2019 | Folgas feministas do 8M |
Millóns de mulleres saíron ás rúas e chamaron a parar o traballo, os estudos, o consumo e os coidados. As folgas feministas desbordaron os centros de traballo e demostraron algo fundamental: se as mulleres paramos, párase o mundo. A súa forza colocou as reivindicacións feministas no centro do debate público. |
Agora tócanos a nós
Se hoxe temos unha xornada laboral de oito horas, dereitos sociais e protección fronte aos abusos, é porque antes houbo quen se organizou, se declarou en folga e conseguiu arrincarllelos a quen tiña o poder. Ningunha destas conquistas caeu do ceo. E cada unha destas folgas lémbranos de que somos capaces cando loitamos xuntas.
Hoxe enfrontámonos a unha nova ofensiva contra as nosas condicións de vida. Os caseiros quedan cunha parte cada vez maior dos nosos salarios, os prezos non deixan de subir e traballar xa non garante poder vivir dignamente. Pero algo está a cambiar. Enchemos as rúas, conseguimos vitorias que parecían imposibles e volvemos demostrar que organizarnos serve para gañar.
O vindeiro 11 de novembro temos a oportunidade de facer historia. Desde os barrios e os centros de traballo, desde os sindicatos de inquilinas e os sindicatos laborais, imos unir as nosas forzas para parar o país. Queremos baixar os alugueiros, acabar cos desafiuzamentos, conquistar contratos indefinidos e recuperar os salarios e os dereitos que nos arrebataron.