Non é a primeira vez
Cando as inquilinas e as traballadoras uniron as súas forzas
A historia ensínanos que os dereitos non se regalan: conquístanse organizándonos e facendo forza colectiva. Estas son algunhas folgas que demostraron que, cando paramos xuntas, podemos cambiar as cousas.

20.000 fogares declaráronse en folga de alugueiros contra os abusos dos caseiros. As inquilinas organizaron a resistencia nos barrios obreiros e levaron a loita ata as fábricas. Cando unha das súas dirixentes foi levada a xuízo, 15.000 traballadores dos estaleiros abandonaron os seus postos e rodearon o tribunal. A forza conxunta das folguistas e do movemento obreiro obrigou as autoridades a actuar e contribuíu a conquistar as primeiras leis de regulación dos alugueiros.
Preto de 100.000 persoas deixaron de pagar o alugueiro nunha das maiores folgas inquilinas da nosa historia. Organizada desde o Sindicato da Construción da CNT, a mobilización desbordou os edificios e estendeuse polos barrios obreiros. Ante a represión contra as inquilinas, os sindicatos responderon cunha folga xeral de dous días. A loita pola vivenda demostraba a súa capacidade para mobilizar toda a clase traballadora.
Dez millóns de traballadores paralizaron Italia nunha folga xeral polo dereito á vivenda e contra o encarecemento da vida. A presión arrincou a conxelación dos alugueiros máis baixos e un plan para construír 214.000 vivendas. Pero a loita non rematou alí. A folga abriu un ciclo de mobilizacións inquilinas, ocupacións de vivendas baleiras e creación de novos sindicatos. Durante os anos seguintes, o movemento conseguiu novas conquistas, incluída unha lei de regulación dos alugueiros en 1978.
Folgas que cambiaron as cousas
| 1855 | A primeira folga xeral | Tras a execución do dirixente obreiro Josep Barceló e a prohibición das asociacións obreiras, Barcelona viviu en xullo de 1855 a primeira folga xeral do Estado. Baixo o lema «Asociación ou morte», miles de traballadoras e traballadores pararon as fábricas para esixir o dereito a organizarse. |
| 1917 | Folga xeral revolucionaria | Ante a suba descontrolada dos prezos e a crise política, UGT e CNT uniron forzas para convocar unha folga xeral revolucionaria. Malia a brutal represión, a mobilización fixo abanear os alicerces do réxime da Restauración. |
| 1919 | La Canadiense | Unha folga iniciada por oito despedimentos acabou paralizando boa parte da industria catalá durante 44 días. A solidariedade obreira obrigou a patronal e o Goberno a ceder. Entre as súas conquistas, unha que hoxe damos por feita: a xornada laboral de oito horas. |
| 1951 | A folga de tranvías de Barcelona | Todo comezou cun boicot popular contra a suba do prezo do tranvía. Os vagóns circularon baleiros e a protesta estendeuse ata converterse nunha folga xeral contra o encarecemento da vida. En plena ditadura franquista, a mobilización conseguiu botar atrás a suba de tarifas. |
| 1976 | Folga xeral polas liberdades e contra a carestía da vida | En plena Transición e aínda baixo as estruturas da ditadura franquista, CCOO, UGT e USO convocaron unha folga xeral o 12 de novembro contra a conxelación salarial, o paro e as medidas económicas do Goberno de Adolfo Suárez. Tamén esixían amnistía laboral e liberdade sindical. Malia a represión e a ilegalidade dos sindicatos, a mobilización reuniu máis de dous millóns de persoas e foi decisiva para pasar páxina da ditadura desde abaixo. |
| 1988 | Folga xeral do 14-D | Millóns de traballadores paralizaron o país contra o Plan de Emprego Xuvenil do Goberno de Felipe González. Ata a televisión pública deixou de emitir. A forza da folga obrigou o Goberno a retirar o plan e abriu paso a novas conquistas sociais. |
| 2002 | Folga contra o «decretazo» | O Goberno de Aznar quixo recortar os dereitos das persoas desempregadas. A resposta foi unha folga xeral que paralizou sectores enteiros da economía. A presión sindical conseguiu que o Goberno rectificase boa parte da reforma. |
| 2010 e 2012 | Contra as reformas laborais | Millóns de persoas volveron á folga contra os recortes, o abaratamento do despedimento e as políticas de austeridade. Aínda que non conseguiron frear as reformas, as mobilizacións mantiveron viva a resistencia obreira fronte a quen pretendía facernos pagar a crise. |
| 2017 | Paro de país do 3 de outubro | Tras a violencia policial do 1 de outubro, sindicatos e entidades convocaron unha folga xeral e un paro de país. Centos de miles de persoas encheron as rúas de toda Cataluña e demostraron que, cando paramos xuntas, parámolo todo. |
| 2018 e 2019 | Folgas feministas do 8M | Millóns de mulleres saíron ás rúas e chamaron a parar o traballo, os estudos, o consumo e os coidados. As folgas feministas desbordaron os centros de traballo e demostraron algo fundamental: se as mulleres paramos, párase o mundo. A súa forza colocou as reivindicacións feministas no centro do debate público. |
Agora tócanos a nós
Cando as inquilinas se organizan, os caseiros tremen. Cando esa forza se une á dos sindicatos laborais, podemos parar o país enteiro.
Os dereitos que temos hoxe conquistáronse loitando. A xornada laboral de oito horas, as melloras salariais ou a regulación dos alugueiros foron o resultado de folgas, mobilizacións e anos de organización colectiva. Detrás de cada conquista houbo persoas que se enfrontaron aos seus xefes, aos seus caseiros e a gobernos que parecían intocables. Persoas coma nós, que se organizaron e descubriron que xuntas tiñan a forza para cambiar as cousas.
A historia destas folgas tamén nos lembra algo fundamental: a loita pola vivenda e a loita polos dereitos laborais sempre foron da man. As mesmas persoas que traballamos para gañar un salario temos que entregar boa parte del aos nosos caseiros e aos bancos. Mentres os alugueiros e o custo da vida non deixan de subir, os nosos salarios perden valor. E canto máis nos custa chegar a fin de mes, máis difícil resulta rexeitar un traballo precario, enfrontarnos aos nosos xefes ou soster unha folga. A explotación que sufrimos no traballo continúa cando chegamos á casa.
Por iso, hai máis de cen anos, as inquilinas de Glasgow e Barcelona comprenderon que necesitaban unir as súas forzas co movemento obreiro. E por iso, na Italia de 1969, dez millóns de traballadores paralizaron o país para esixir o dereito á vivenda.
Hoxe temos por diante unha oportunidade histórica. Enchemos as rúas, conseguimos vitorias que parecían imposibles e demostramos que a loita colectiva pode arrincarlles dereitos aos poderosos. Agora queremos ir máis lonxe. Queremos baixar os alugueiros, acabar cos desafiuzamentos, conquistar contratos indefinidos e recuperar o poder adquisitivo dos nosos salarios. Queremos que o diñeiro que gañamos traballando sirva para vivir dignamente e deixe de engordar os beneficios duns poucos.
O vindeiro 11 de novembro imos á folga xeral pola vivenda e o custo da vida. En cada barrio, en cada vila, en cada centro de traballo e de estudo, temos a tarefa de organizarnos para que a folga sexa masiva. Porque a forza que necesitamos para gañar está nas nosas mans, na nosa capacidade de organizarnos e de actuar xuntas.
Hai cen anos, as inquilinas e as traballadoras demostraron que podían cambiar a historia. O 11 de novembro tócanos a nós. Á folga xeral!