Dúbidas legais · 11N

Fai folga sen medo

Facer folga é un dereito fundamental. Aquí respondemos as dúbidas máis habituais: que pode e que non pode facer a túa empresa, como participar nun piquete e que facer se a policía te identifica ou che chega unha multa.

Esta información é orientativa e non substitúe o asesoramento xurídico. Ante calquera problema, consulta co teu sindicato ou co teu comité de folga.

No traballo

O teu dereito á folga

Teño que avisar a miña empresa de que vou facer folga?

Non. Non tes ningunha obriga de comunicarlle antes á túa empresa que vas secundar a folga, nin de xustificar por que a fas. É un dereito fundamental: ese día podes exercelo e non ir traballar.

O meu xefe pregúntame se vou facer folga. Teño que contestar?

Non tes que dicilo. Podes non contestar, responder que aínda non o decidiches ou dar unha resposta evasiva. A empresa non pode usar preguntas, presións ou ameazas para que renuncies ao teu dereito: «necesito sabelo para organizarme», «dime xa se vas vir», «logo haberá consecuencias»… Se temes represalias, pode ser útil deixar constancia por escrito (un correo ou unha mensaxe pola canle habitual) de que exerces o teu dereito á folga. Se te presionan, garda probas e consulta co teu sindicato.

Pódenme despedir ou sancionar por facer folga?

Non poden despedirte nin castigarte por exercer o teu dereito á folga: nin sancionarte, nin empeorar as túas condicións, nin prexudicarte por teres participado. Un despedimento ou unha sanción por facer folga é nulo e pode supor ademais sancións para a empresa. Que estea prohibido non significa que non ocorra: a empresa pode tentar disfrazalo con outra causa. Por iso é tan importante gardar probas desde o principio.

Despedíronme ou sancionáronme. Que fago?

Non o deixes pasar e actúa rápido, porque os prazos para reclamar son moi curtos. Se che dan un finiquito ou unha carta, asina con «No conforme» e pon a data real na que cha entregan. Reúne todo o que teñas (correos, mensaxes, cambios de quenda, testemuñas) e acode axiña ao teu sindicato.

Descóntanme diñeiro por facer folga?

Si. Durante a folga o contrato queda en suspenso: non cobras o salario dese día nin cotizas á Seguridade Social por el. Tamén se desconta a parte proporcional das pagas extra e do descanso semanal. As vacacións non se tocan, e os pluses de asistencia ou puntualidade dependen do teu convenio. Pero facer folga non é unha sanción: a empresa non pode descontarche nada máis como castigo. Facer folga custa; non ter dereitos custa moito máis.

Se fago folga, poden poñer outra persoa a facer o meu traballo?

Non. Substituír quen fai folga é ilegal: non poden contratar persoas de fóra para facer o teu traballo, nin cambiar de posto ou de funcións outras compañeiras para cubrirte, nin substituírte con medios automáticos. Se cres que está a ocorrer, documenta o que poidas e comunícallo ao teu sindicato.

Que pasa se hai servizos mínimos?

Os servizos mínimos fíxanse cando a folga afecta a servizos esenciais, e non significan que todo o persoal teña que traballar. Se te designan, a empresa ten que comunicarcho de forma fidedigna (por escrito, non abonda unha chamada) e debes cumprilos co horario e as funcións asignadas. Os servizos mínimos non se poden usar para baleirar a folga na práctica: se tes dúbidas, consulta co teu sindicato.

Teletraballo. Tamén podo facer folga?

Si. Teletraballar non elimina o teu dereito á folga. Facer folga non é só non ir á oficina: é non traballar. Ese día non te conectas, non respondes correos, non atendes chamadas de traballo e non fas tarefas. A folga tamén se fai desde casa.

Estou en período de proba. Podo facer folga?

Si, tes os mesmos dereitos. Pero é un momento de moita desprotección, así que é especialmente importante deixar constancia por escrito de que exerces o teu dereito e gardar probas de calquera presión.

Son empregada do fogar. Podo facer folga?

Si. A normativa que regula o emprego do fogar recoñéceche os mesmos dereitos laborais básicos, incluído o de folga. Como é un traballo máis exposto, deixa constancia por escrito e, ante calquera represalia, acode ao teu sindicato.

Na miña empresa non hai comité nin sección sindical, ou non estou afiliada. Podo facer folga?

Si. O dereito á folga é de cada traballadora, estea ou non afiliada a un sindicato e haxa ou non representación sindical na súa empresa. Se a empresa di o contrario, mente.

É legal esta folga?

Si. O 11N é unha folga xeral convocada legalmente por sindicatos con implantación no territorio, que cumpriron os requisitos de preaviso e contido da convocatoria. Calquera persoa traballadora asalariada pode secundala.

Son autónoma. Isto vai comigo?

A folga convócase para persoas traballadoras asalariadas, pero como autónoma podes parar ese día e baixar a persiana. A relación cos teus clientes non ten que ver co dereito á folga, así que valora como podes sumarte. Contámoscho na campaña Persianas baixadas.

«Se fas folga, xa veremos…»

A túa empresa non pode ameazarte nin tomar represalias para impedir que fagas folga. Se recibes ameazas, mensaxes intimidatorias, advertencias sobre «consecuencias» ou presións para que non participes, gárdao todo: correos, WhatsApps, comunicacións internas, cambios de quenda, sancións posteriores… Documenta o que ocorra e contacta co teu sindicato.

Na rúa

Piquetes e mobilizacións

Que pode facer un piquete informativo?

Un piquete explica os motivos da folga e anima a sumarse: repartir panfletos, conversar con quen chega a traballar, amosar pancartas, usar megáfono ou recoller fondos. O límite é respectar a decisión de quen non queira participar: as ameazas, a intimidación e a violencia quedan fóra do dereito á folga. Conversade sen rodear nin perseguir ninguén, deixade libres as saídas e non vos poñades diante de vehículos en movemento.

Fai falta permiso para unha concentración ou unha manifestación?

Non. Reunirse e manifestarse son dereitos fundamentais e non precisan autorización. O que si hai que facer é comunicalas antes á Delegación do Goberno: entre 10 e 30 días antes, ou con polo menos 24 horas se hai causas urxentes, indicando quen convoca, lugar, horario, finalidade e percorrido. Gardade o xustificante. Se a prohiben ou a modifican, deben xustificalo e avisar en 72 horas; hai 48 horas para recorrer, así que buscade asesoramento xurídico axiña.

Cortes de tráfico, bloqueos ou ocupacións

Cada acción ten os seus propios riscos legais. Antes de organizar un corte, un bloqueo de accesos ou unha ocupación, coñecede as súas posibles consecuencias e contade co apoio xurídico do voso sindicato ou comité.

A policía pídeme que me identifique

Poden pedirche a identificación se ven indicios dunha infracción ou para previr un delito, e deben explicarche o motivo. Pregunta: «Cal é o motivo da identificación?» e, se non te deixan marchar, «Estou detida ou trátase dunha identificación?». Non deas datos falsos nin forcexes: calquera abuso discútese despois con apoio xurídico. Se non poden identificarte alí, poden levarte á comisaría só para iso, un máximo de seis horas, e ao saíres deben darche un xustificante: pídeo e gárdao. Apunta a hora, o lugar e os números de placa visibles.

E se me deteñen?

Tes dereito a saber por que, a gardar silencio, a unha avogada (e a falar con ela en privado antes de declarar), a que se avise unha persoa de confianza, a intérprete e a atención médica. Podes dicir: «Quero gardar silencio e falar en privado coa miña avogada». A detención debe durar só o imprescindible, cun máximo de 72 horas antes de quedar en liberdade ou pasar ante o xulgado. Se ves que deteñen unha compañeira, apunta a hora, o lugar e onde a levan, avisa o apoio xurídico, busca testemuñas e garda as gravacións.

Podo gravar a policía?

Si. Gravar unha actuación policial non é unha infracción por si mesmo, sempre desde unha posición segura e sen obstaculizar. A policía non pode quitarche o móbil só por gravar: se o fai, pide o motivo e un xustificante. Conserva o arquivo orixinal sen recortes e entrégallo á defensa; publicalo nas redes é outra decisión e hai que protexer a identidade das persoas que aparecen.

Chegoume unha multa ou unha citación

Que te identifiquen non significa que te vaian multar. Se chega unha notificación, gárdaa xunto co sobre ou o xustificante e a data na que a recibiches, e avisa canto antes o apoio xurídico: os prazos son curtos. Nas multas leves e graves podes pagar cunha redución do 50 % en 15 días, pero entón xa non podes recorrer. Decide con asesoramento antes de pagar.

Antes do 11N

Antes de saír

  • Leva o DNI (ou a túa documentación): non é obrigatorio levalo sempre, pero evita un traslado á comisaría para identificarte.
  • Apunta o teléfono de apoio xurídico do teu sindicato ou comité, tamén en papel ou no brazo.
  • Protexe o teu móbil con PIN e non leves listas, enderezos nin datos que non fagan falta.
  • Leva auga, roupa e calzado cómodos e a túa medicación se a precisas, e avisa alguén de confianza se tes algunha condición médica.
  • Acordade un punto de encontro por se o grupo se separa, e con quen vas volver.

Tes máis dúbidas?

Pregunta no teu sindicato, no teu comité de folga ou ás túas compañeiras, pero non quedes na casa. Atopa o teu comité en Toka ou escríbenos a [email protected].